MERCORES 1 DE ABRIL ÁS 19 HORAS NA GALERIA SARGADELOS
CARTA ABERTA A UN/HA DEPUTADO/A DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA
(Este texto foilles remitido por correo electrónico a cada un/ha dos/as deputados/as do PPdG na Cámara do Hórreo)
Diríxome a Vostede, en nome dun colectivo de persoas que vivimos angustiadas pola certeza de padecer unha enfermidade mortal. Unhas persoas plenamente conscientes de que o tempo corre na nosa contra, de que o noso estado de saúde tende irremisiblemente a empeorar cada día que pasa. A algunhas vímolas morrer impotentes tras meses de espera por un tratamento que non chegou a tempo, outras levan ata un ano e dous transplantes de agónica agarda.
Esas persoas acudimos hai algo máis dun mes ao Parlamento, buscando o amparo e o apoio de quen (supoñíamos) ostentan a nosa representación. Críamos que o Parlamento mantiña a función co que esa institución naceu hai séculos: a defensa da cidadanía fronte ao poder. E, atónitos, asistimos ao terrible e cruel espectáculo de ver como a maioría da cámara (Vostede e as persoas da súa bancada) votaban contra unha proposición que parecía do máis elemental sentido humanitario (ata común, diría eu). Tanto máis atónitos nos quedamos por canto o texto que se sometía a votación lle foi presentado ao seu Grupo en reunión mantida na Cámara o día 7 de decembro, nunha reunión na que se nos ofreceu apoio e na que invitamos a ese Grupo Parlamentario a facernos chegar calquera suxestión referente á redacción do texto coa fin expresa de que este fose asumible por Vostedes.
O voto que Vostede emitiu na votación desa proposición o pasado día 11 semella máis un asañamento ou unha vinganza por ignoramos que causas que o froito dunha decisión consciente e meditada. O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada. Comprende Vostede o anoxo que provocou o seu voto entre aquelas e aqueles que seguíamos esperanzados o debate desde a tribuna? Entende as bágoas de frustración e rabia que o seu acto fixo correr pola meixelas de moitas de nós? E consciente da severidade do dano inflixido e da gratuidade do mesmo?
É por iso, porque supoñemos que o seu comportamento ten que ter algún tipo de explicación, que lle rogo, en nome deste colectivo, que teña a ben explicar a súa conduta. Podería Vostede explicarnos que parte, palabra, xiro ou expresión do texto o moveu a premer un botón que nos fixo tanto dano?
Voulle refrescar a memoria, por se se dá o caso de que para Vostede o asunto non tivera tanta transcendencia como para recordalo. Aquelo ao que votou NON di exactamente: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a ao Goberno de España a garantir que o acceso ás novas terapias para os doentes de Hepatite C que o precisan se produza de acordo co criterio dos médicos especialistas que os atenden en cada caso, dispoñendo todos os recursos que sexan precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para el Estudio del Hígado na súa recente reunión co Ministerio de Sanidad, Igualdad y Asuntos Sociales. Así mesmo insta ao goberno da Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes aos que lles sexa prescrita polos seus médicos especialistas do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición.”
Na confianza de que Vostede non terá ningún problema en dar cumprida satisfacción ao que lle demando, quedo á espera da súa resposta
Enrique Costas Bastero
(Voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C)