CODIGO ETICO
Unknown10:55



GOBERNAR OBEDECENDO. CÓDIGO DE ÉTICA POLÍTICA.

Este documento recolle un código de prácticas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para tentar acadar unha xestión política comprometida e próxima á cidadanía, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.
Tamén se expoñen diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, rematar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política e que foron unhas das causas que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.
Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.
As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste código de ética política, comprométense tamén a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos convértanse en norma obrigatoria para todos na administración municipal.
Este código ético quere ser flexible, dinámico e conciso. A candidatura traballará nun regulamento que concrete e faga operativos os principios do código ético.
Os principios recollidos neste código ético comprometen a todas as persoas da candidatura que ocupen cargos electos, de libre designación e xerenciais, tanto do Concello de Ferrol como noutras institucións—públicas e semipúblicas— onde o Concello ten participación financeira ou de control, e nos espazos de toma de decisións.

Todas estas persoas comprométense a:
Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos social, político e institucional da nosa sociedade.

1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas
1.1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas nos mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación que fixe a candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todos e todas.
1.2. Facer públicas as axendas dos representates, para facer visible con quen se reúnen e os temas que se tratan. Faranse públicos tamén as ordes do día e as actas das reunións.
1.3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles conflitos de intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.
1.4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.
1.5. Render contas das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos de ámbito sectorial ou de zona (cidade, barrio ou distrito). A información presentarase sempre nun formato open data que permita traballala.
1.6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiros/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura, e a cidadanía terá o dereito e o deber de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio. Así, da asemblea soberana emanaría un mandato imperativo que os seus representantes ou, no  caso de ser elexidos pola cidadanía, os concelleiros/as   deberán cumprir e en caso de que non sexa así as consecuencias serían que a asemblea podería deslexitimar, pola maioría que se decida no regulamento que desenvolva o funcinamento da propia asemblea, aos seus representantes nas institucións. Neste caso, os ditos representates deberían  proceder a entregar a súa acta a outro/a membro proposto pola asemblea e que aceptase o cargo.

1.7. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que fosen beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa. En ningún caso ocuparanse cargos nos consellos de administración destas.
1.8. Manter un contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade, garantir o espazo necesario nas súas axendas para atendelos e dar respostas ás súas propostas, e ter presentes á hora de tomar decisións os informes das persoas da administración que traballan con estes colectivos.
1.9. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico na cidade, distritos ou barrios, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade. Todas as persoas que ocupen cargos electos e de designación comprométense a impulsar e apoiar todas as iniciativas cidadás propostas a través do marco legal vixente ou no marco da candidatura (a escala de barrio, distrito ou cidade). En Ferrol temos o Regulamento de Participación Cidadá para estes fins, así que sería dótalo de contido e desenvolvelo aínda máis para así poñer en valor instrumentos como o Consello da Veciñanza, onde se reúnen representantes da cidadanía  e dos diferentes ámbitos locais para fomentar a toma de decicións conxuntas nos aspectos que lles poidan afectar.

2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos

A candidatura comprométese a:
2.1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionará en contas de entidades de economía social e solidaria.
2.2. Pór un tope máximo ás doazóns privadas.
2.3. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética para garantir a súa independencia e a coherencia co seu programa.
2.4. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.
2.5. Fomentar o micromecenado finalista, é dicir, o pequeno mecenado destinado a accións e necesidades concretas.
2.6. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.
2.7. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.
2.8. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores, realizando achegas puntuais e finalistas encamiñadas a fortalecer o tecido asociativo (sen xerar dependencias ou clientelismos).

3. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción

As persoas con cargos electos, xerenciais e de libre designación comprométense a:
3.1. Renunciar aos agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.
3.2. Non duplicar cargos nas institucións, agás aqueles vinculados á súa condición de concelleira/a.
3.3. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións.
3.4. Os salarios dos cargos electos estableceranse nun futuro estatuto do cargo público e/ou carta financeira, sempre tendo en conta os salarios medios da zona e o posto a desenvolver dentro do concello. Enténdese que esta retribución garante unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido.
3.5. Limitar o seu mandato a dúas lexislaturas consecutivas.
3.6. Compromiso de renuncia ou cesamento de forma inmediata de todos os cargos, ante a imputación pola xudicatura de delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD. HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.
3.7. Facer un bo traspaso de información e de coñecemento (sen remuneración), seguindo un protocolo acordado no marco da candidatura.
A candidatura comprométese a:
3.8. Facilitar a conciliación entre a vida laboral e a política, establecendo mecanismos de apoio aos cargos públicos durante a súa reincorporación ao mundo laboral en caso de non atopar traballo.
3.9. Desenvolver mecanismos para a conciliación entre a vida familiar e política.

Disposicións adicionais:

Disposición adicional transitoria 1. O regulamento que regule o código ético debería incorporar mecanismos para velar pola súa correcta implementación e especificar as canles de modificación deste, entre outros aspectos.
Disposición adicional transitoria 2. Queda pendente incorporar no regulamento que desenvolva o código ético o uso que se fará do financiamento que reciba a candidatura/partido antes e depois das eleccions. (gastos normais de funcionamento da candidatura, apoio economico as diferentes comisions de traballo/seminarios para fomentar a participación cidadá…)
Disposición adicional transitoria 3. As maiorias para a aprobación/modificación do código ético estableceranse no regulamento da asemblea.