REGULAMENTO BÁSICO DA MAREA ÁRTABRA
Unknown14:03

Regulamento Básico da Marea Ártabra


Principios xerais

A Marea Ártabra terá un funcionamento asembleario.

Todos os órganos da Marea Ártabra serán abertos e, polo tanto, garantirase unha comunicación horizontal e completa, tanto das convocatorias coma da documentación e temas a debate, a todas e cada unha das persoas inscritas, e coa antelación suficiente.

En todas as actividades da Marea Ártabra deberá buscarse o equilibrio de xénero, de pluralidade política e de sectores.

A lingua vehicular ou institucional da Marea Ártabra, será o galego.

O funcionamento de todos os órganos da Marea será, por asociación, o mesmo que se establece para as súas Asembleas.

En todo caso, todos os órganos contarán con moderador/a, secretaría de actas e un mínimos de dous /dúas dinamizadores/as elixidos/as de entre os seus membros.

Censo

Forman parte da Marea, para participar con voz e voto nas asembleas, aquelas persoas maiores de 16 anos que se adhiran á mesma e, polo tanto, formen parte do seu censo.

O único requisito será a aceptación do seu Manifesto e a súa inscrición formal.

Formarán parte da Marea todas as persoas que así o soliciten.

Nesa inscrición, por razóns operativas, deberá incorporarse unha conta de correo electrónico persoal ou, no seu defecto, calquera outro método para garantir a correcta comunicación (teléfono, enderezo postal...).

Acordos

A asemblea de Marea Ártabra intentará tomar os acordos por consenso tendo en conta as maiorías e minorías que se poidan dar.

De non existir consenso, as decisión tomaranse por maioría simple.

Non obstante, para algún tipo de acordos especialmente relevantes —cuestións programáticas, revogación de cargos...— poderán establecerse outro tipo de fórmulas de maioría cualificada que, en calquera caso, virán reflectidas polos acordos e/ou regulamentos establecidos para o caso.


Órganos da Marea Ártabra

A Marea Ártabra contará con tres tipos de órganos: 
  • Asemblea 
  • Coordenadora 
  • Comisións 

A Asemblea

A Asemblea será o órgano máximo para a toma de decisións da Marea Ártabra.

Terá sempre un carácter aberto.

Terán dereito a voz todas as persoas asistentes, e dereito a voz e voto as persoas inscritas no seu censo.

As Asembleas serán convocadas pola propia Asemblea ou pola Coordenadora da Marea Ártabra.

As Asembleas deberán procurar un carácter máis executivo que deliberativo. Trátase de que sexan un punto de chegada para a toma de acordos relevantes sobre cuestións que xa foran tratadas en espazos de deliberación e debate máis reducidos e especializados.


Funcionamento das Asembleas

Mesa
Ao inicio das asembleas elixirase —como mínimo— unha persoa que actúe como secretaria de actas e outra persoa que modere a mesma.
Correspóndelle á Mesa centrar os debates sobre a orde do día establecida, e poñer un límite de tempo por tema, en función da hora de remate da sesión establecida.

Ademáís da función de moderación, a Mesa deberá levantar acta da sesión.


Orde do día
A Orde do día deberá aprobarse ao inicio de cada sesión, imediatamente despois de elixir á Mesa.

Contará con todas as cuestións propostas por outros órganos da Marea, temas pendentes de anteriores asembleas e tamén aquelas cuestións relevantes que se incorporen na propia sesión a proposta dos/as asistentes.

Unha vez elixida a Mesa e aprobada a Orde do día procederase a aprobar a acta da sesión anterior e, a continuación, abordaranse os puntos acordados.

Como norma xeral, a Asemblea tamén deberá decidir a data da súa seguinte sesión.


As Asembleas poderán ser:

De carácter xeral ou ordinario.
Este será o seu formato habitual.
Deberá celebrarse, como mínimo, unha vez ao mes.


De carácter extraordinario.
Cando se convoquen para tratar un asunto concreto que precise dun tratamento monográfico, ben pola súa importancia, urxencia...

De carácter territorial.
Cando se convoquen nun barrio ou parroquia determinada para tratar algún asunto propio do lugar, ou para extender a súa influencia...

As Asembleas territoriais non poderán tomar acordos que impliquen ao conxunto da Marea Ártabra.

A Coordenadora

A Marea dotarase dunha Coordenadora conformada por un número indeterminado de persoas elixidas pola asemblea xeral e á que se incorporará —como mínimo— unha persoa de cada Comisión de Traballo elixida como dinamizadora do seu grupo.

Coma o seu propio nome indica terá labores de coordenación de todos os órganos, comisións e labores xerais da Marea.

Será a encargada das funcións de proposta de Mesa, Orde do día inicial de cada sesión asemblearia, así como da proposta de portavocías.

A Coordenadora actuará como fedataria de actas e acordos e, nomeadamente, será a encargada de ter ao día o censo de persoas inscritas.

Poderá convocar Asembleas ordinarias ou extraordinarias cando o considere oportuno.

Será a encargada dos labores de extensión da Marea Ártabra no ámbito territorial. Será, polo tanto, a encargada —co soporte da Comisión de comunicación— da convocatoria e organización de Asembleas territoriais.

Comisións

As Comisións deberán ser creadas por acordo asembleario e poderán crearse tantas coma a Asemblea considere.

Poderán ter un carácter permanente ou temporal —neste último caso para deliberar sobre unha cuestión ou problemática concreta— .

Serán grupos de traballo para abordar de forma participada e o máis creativa posible, traballos de carácter operativo ou deliberativo da Marea.


Comisión de Organización.
Encargada de deliberar sobre cuestións de carácter organizativo ou funcional da Marea.
Os seus traballos e conclusións deberán elevarse á Asemblea para a toma de decisión.


Comisión de Comunicación.
Para realizar os traballos de comunicación e publicidade da iniciativa e, nomeadamente para dar soporte ás portavocías.

Será a encargada da promoción e información dos traballos da Marea, difundindo os acordos e traballos importantes por medio de todas as ferramentas coas que se conte —web, redes sociais, medios de comunicación...—

Para garantir o seu funcionamento deberá contar cun contacto permanente —por medio dos/as seus dinamizadores/as— con todas as Comisións da Marea.

Comisións de Programa.
En función de áreas programáticas ou de problemáticas específicas, co obxecto de madurar un programa electoral participado. Neste momento contamos con sete comisións programáticas:
  • Urbanismo. 
  • Servizos Sociais. 
  • Economía e emprego. 
  • Cultura e Educación. 
  • Meio ambiente. 
  • Normalización lingüística. 
  • Muller.

Portavocías da Marea.

Co obxecto de garantir unha interlocución permanente e "institucional" da Marea Ártabra, ante os medios de comunicación e/ou outros axentes sociais, elixiranse dous portavoces (un home e unha muller).

Procurarsae a rotación dos/as portavoces, que serán propostos/as pola Coordenadora en cada Asemblea Ordinaria da Marea que, en calquera caso, deberá ratificar a esas persoas propostas ou elixir outras.