MAREA ÁRTABRA ANTE A CELEBRACIÓN DO 8 DE ABRIL, DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO
Unknown12:59

A Marea Ártabra quere felicitar ao pobo xitano ante a celebración do seu Día Internacional, que conmemora o 1º Congreso Internacional celebrado en Londres no ano 1971.

Este día, a comunidade xitana, os nosos veciños e veciñas, celebran a cerimonia do río, para lembrar os seus valores de liberdade, fraternidade e solidariedade, e lembrar tamén ás mais de 500.000 xitanas e xitanos, que morreron nos campos de exterminio nazi.

A Marea Ártabra quere mostrar a súa solidariedade con esta comunidade que celebra esta festa fortemente golpeada pola crise. Unha crise que ven a poñer máis obstáculos a unha situación fortemente marcada polo racismo e a discriminación.

No noso concello, cun desemprego do 27%, a comunidade xitana, vinculada maioritariamente á venda ambulante desenvolvida ao redor dos mercadiños, que nos últimos anos permitiulles mellorar as súas condicións de vida e laborais, mesmo acceder a unha hipoteca ou a empréstamos, ve agora moi mermados os seus ingresos, o que está a provocar que sufran os chamados desafiuzamentos silenciosos, coberturas legais ou mesmo non poder facer fronte a gastos básicos para poder desenvolver a súa actividade, o seu medio de vida.

A comunidade xitana segue a sufrir discriminación e racismo, que padecen sobre todo ao intentar acceder a un alugueiro, ou a un posto de traballo. Os recortes en axudas sociais marcan tamén a esta comunidade, historicamente empobrecida.

A Marea Ártabra fai súa a reivindicación do Consello Estatal do Pobo Xitano, que este 8 de abril de 2015, solicita a retirada dos dicionarios da definición racista da palabra “xitano” “xitana”.

Ferrol, 7 de abril de 2015
Na Categoría :
Que é a Marea? Marea Ártabra quere alentar un proceso asambleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo. Facebook e Twitter