Acta
En Ferrol, sendo as 20,15 horas no salón de actos do Instituto Concepción Arenal, dá comezo a V asemblea cidadá da Marea Ártabra escolléndose a mesa que estará formada por Chema, Lucía, César e Alberto.Antes de comezar a Asemblea indícase por parte da mesa que a acta da IV asemblea celebrada o xoves 27 de novembro non se vai ler xa que a persoa que tiña que redactar a Acta aínda non o fixo.
Por parte desa persoa indícase que por motivos laborais non tivo tempo de redactala. Acórdase dar lectura a ese acta na próxima Asemblea.
Procédese a confeccionar por parte da propia Asemblea a Orde do Día quedando aprobada da seguinte forma:
- Creación dunha Comisión Xuridica (A proposta da Comisión Coordenadora)
- Comisión de Comunicación (A proposta de Ismael)
- Dar conta do traballo realizado nas Comisións temáticas e das Asembleas de Barrio (A proposta de Bernardo)
- Elección de voceiros da Marea Ártabra (A proposta de César)
- Fixación dunha data para a celebración dunha Asemblea Monográfica para decidir a forma de presentarse ás Eleccións (A proposta de César)
- Un componente da Coordenadora dá conta de que na última sesión da Comisión Coordenadora decidiuse propoñer á Asemblea que se creara unha Comisión xuridica que sería a encargada de elaborar unha serie de estudos sobre as distintas formas xuridicas de presentarse ás eleccións, financiamento, regulamento da Asemblea, código ético, etc.
- Iniciado o debate proponse que en vez de chamarse Comisión Xuridica se lle denomine Comisión de Organización e que esa Comisión teña todo o mes de xaneiro para elaborar ditos estudos, ou cando menos o da forma xuridica e que a Asemblea sexa a principios de febreiro.
- Despois de varias intervencións pásase á votación que arroxa o seguinte resultado: Votos a favor da constitución da Comisión de Organización 18, en contra ningún e 7 abstencións.
- Desta Comisión, que terá carácter aberto ao igual que todas as Comisións da Marea Ártabra formarán parte con carácter estable Bernardo, Jorge, María, Chema, César e Álvaro e terá a súa primeira reunión o martes 23 ás 20 horas no Ateneo.
- Ismael indica que está claro que os mecanismos de propaganda e comunicación da Marea non funcionan e que non se está chegando á xente polo que é preciso crear unha comisión que se encargue destes temas.
- A continuación hai varias intervencións en sentido favorable á creación da Comisión indicándose ademais de que seria necesario comezar a entrar en temas municipais para facer visible a posición da marea sobre diferentes temas que están a xurdir.
- Pásase á votación da proposta que dá un resultado de 16 votos favorables á creación da Comisión, 7 abstencións e ningún voto en contra.
- Desta Comisión formarán parte Bernardo, Isma, Manu e Jorge reuníndose por primeira vez o luns 22 ás 20 horas no Ateneo.
- Por parte de diferentes membros das Comisións de traballo infórmase de como marchan ditas Comisións.
- En canto ás Asembleas de Barrio infórmase de que houbo un parón durante o mes de decembro acordándose un novo calendario para xaneiro sendo o día 15 a Asemblea de Esteiro, o 22 a da Magdalena e o 29 a do Inferniño.
- César informa de que desde a elección dos primeiros voceiros da Marea, e por diferentes motivos, a Marea Ártabra foise quedando sen voceiros tendo que realizar dita tarefa de forma provisional e para dous actos concretos Álvaro e Lucía.
- Que é necesario elixir de novo a algunha persoa para que exprese a posición da Marea cando sexa necesario.
- Despois dun debate onde se defenden posturas diversas como que neste momento non é necesaria a existencia desa figura, ou que sexan representantes das Comisións Temáticas os que fagan esta labor ou que sexa a Comisión de Comunicación a que cumpla esta misión pásase a votar co seguinte resultado:
- Que a labor de Voceiros da Marea recaiga sobre a Comisión de Comunicación: 17 votos; que non haxa voceiros: 2 votos; e que sexan representantes das Comisións: 3 votos.
- Polo tanto apróbase que a Comisión de Comunicación faga as veces de voceiro da Marea Ártabra.
Fóra da Orde do día Esther propón discutir cal vai ser a lingua vehicular da Marea. Ante a premura de tempo e por tratarse dun tema da suficiente envergadura que vai percisar de máis tempo para a súa discusión acórdase trasladar este punto á Orde do día da próxima Asemblea Ordinaria.
E sen máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 22 horas 10 minutos.