Unha decisión necesaria
O vindeiro xoves, 5 de febreiro, ás 19:45 hh. no C. C. Carvalho Calero, celebraremos unha Asemblea Extraordinaria co obxectivo de tomar dúas decisións que serán de grande importancia para o futuro da iniciativa.- ¿Queremos presentarnos ás eleccións municipais de maio deste ano?
- No caso de presentarnos, ¿cal será a forma xurídica que adoptaremos?
A Marea Ártabra celebrou o pasado sábado, na Galería Sargadelos, unha interesante sesión aberta da súa Comisión de Organización.O obxectivo dese encontro era coñecer as diferentes propostas que existen no interior da Marea, para tentar ir ao fondo dos debates que acompañan a cada posición, os seus pros e contras, o grao de consenso que desperta cada alternativa...
Por outra banda, pretendiamos concretar as diferentes posicións, coa intención de que a Asemblea Extraordinaria do xoves fose o punto de chegada dun debate rigoroso, fondo e madurado nestas sesións.
O sábado puidemos escoitar diferentes propostas sobre a cuestión, todas cos seus matices, as súas argumentacións e contraargumentacións...Puidemos comprobar as posibilidades de acordo que hai entre elas e, quizá o máis importante, a vontade xeral de construír entre todos e todas unha iniciativa unitaria, e chamada a protagonizar as políticas locais de Ferrol no futuro.
O xoves 5, contamos con todas e todos vós, ás 19:45 hh. no C. C. Carvalho Calero.