A Marea Ártabra denuncia o interese espurio do goberno municipal ao convocar licitación pública, a tres meses das eleccións, para a contratación da concesión da xestión do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria.
As concelleiras e concelleiros da Marea Ártabra conformarán un goberno municipal que devolva á xestión pública estes servizos, e os rescate da cobiza sen limite das multinacionais.
A asemblea de Marea Ártabra acordou na súa reunión do 25 de Febreiro demandar do Concello de Ferrol a paralización do proceso de concesión do Servizo de Recollida de Lixo e limpeza viaria ata que entre a nova Corporación.
O Alcalde de Ferrol non pode hipotecar o futuro da nosa cidade a pouco máis de 3 meses dunhas eleccións municipais, sobre todo cando hai alternativas políticas que apostan decididamente pola remunicipalización dos servizos públicos, que poden supor unha rebaixa no prezo que pagan os veciños e veciñas de Ferrol nunha porcentaxe significativa.
No caso de continuar co proceso de concesión deste servizo de recollida de lixo o Alcalde de Ferrol terá que explicarlle á cidadanía da nosa cidade que motivos o moven a acelerar un proceso que tranquilamente pode esperar tres meses pola nova corporación.
A remunicipalización non só leva asociado unha rebaixa no custe do servizo, senón que desde Marea Ártabra sabemos que co compromiso cidadá, os custes desta xestión converteríanse en ingresos para as arcas municipais que nos beneficiarían a todas e todos.
Outro factor importante da remunicipalización é a creación de emprego. A remunicipalización non só respectaría os dereitos laborais adquiridos das empregadas e empregados da empresa concesionaria, senón que crearía emprego, un obxectivo prioritario do goberno da Marea Ártabra.
O goberno de Rey Varela quere garantir a continuidade da privatización da xestión do citado servizo público e entregarllo a unha multinacional que provoca a fuxida do diñeiro cara a fóra da nosa contorna e nos empobrece, pois na súa maior parte, este no volve ao circuíto económico local.
Sospeitamos que esa é a verdadeira razón pola que o goberno do PP ten tanta presa en renovar a concesión do servizo, pois sabe que a Marea Ártabra pode paralizar os seus planos de continuar coa privatización dos servizos municipais. Pretenden deixar todo atado e ben atado para cando a cidadanía cos seus votos, os bote do concello.
En caso de aplicar tan precipitadamente este contrato de concesión do servizo, os concelleiros/as de Marea Ártabra na próxima lexislatura tomaran as medidas necesarias tendentes a impugnar dita concesión. Non imos permitir que se hipoteque o futuro da nosa cidade polos próximos 10 anos.
En Ferrol, a 28 de febreiro de 2015